AREAQUENTE

«Cristovo do Val pensou no outro tipo de fotos. Nas alimenticias: vodas-comuñóns-bautizos- aniversarios. E todo o levou onda Verónica. Nunca pensara tal, nin lle pasara pola cabeza que metía na casa o inimigo, a inimiga. Nunca imaxinara que logo ía ser tan moderno cara a fóra, tan moderno ás portas dos cincuenta, tan moderno como para soportar que a túa muller marche con outra muller e ti teñas que ser moderno, entendelo, aceptalo e, aínda por enriba, ser amigo de ambas as dúas, porque, se non, crucifícante...»
O fotógrafo Cristovo do Val, fuxindo da dolorosa experiencia do desamor, mergúllase nas desoladas ruelas de Areaquente, un páramo baleiro, devorado pola seca e polas tormentas de area; A través dunha historia de  amores cruzados entre os personaxes, lévanos a decatarnos de que todo é arrastrado cara á nada, cara ao lado escuro dese espazo que se transformou en luz. Precisamente será con esa luz coa que debuxe imaxes Cristovo do Val, eterno buscador de fotos con cheiro. An Alfaya (Vigo, 1964) estudou na Escola de Formación do Profesorado de Vigo e Criminoloxía e detective privado na Universidade Complutense de Madrid. A súa narrativa caracterízase por unha mirada de tenrura cara aos máis febles, os nenos, as mulleres, os marxinados, as xentes que non atoparon un espazo digno na sociedade, etc., así como por ofrecer unha reflexión dosificada respecto da condición humana, os valores verdadeiros do home, a autencidade do individuo fronte á cultura de masas e o papel ocupan as mulleres nesta sociedade actual multicultural. É autora das obras: O maquinista Antón, O caderno azul, ¡Sireno, Sireno!, Desventura, Unha xanela para Cecilia, Matei un home, Zoa e Azor, Os seres con raíces na cara,A sombra descalza, Illa Soidade e A lenda da lúa de Montealto.

0 comentarios: